Saturday 04 de May de 2024

O BNG lamenta o abandono de Meicende


O estado das obras abandonadas é un problema de seguridade e salubridade para a veciñanza.

O BNG de Arteixo volve denunciar o estado de abandono do núcleo de Meicende. O estado no que están as obras abandonadas é un problema de seguridade e de salubridade para a veciñanza da contorna.

Desde o BNG critican a desatención do goberno local do PP con respecto ao núcleo de Meicende. “Levamos moito tempo tanto veciñanza como o grupo municipal pedindo melloras e non se move nin un dedo para tratar de solucionalo”, comenta Xurxo Couto, portavoz do BNG.

Dar un paseo por Meicende, núcleo do que son o propio alcalde e a concelleira de cultura, supón ver o estado de abandono do mobiliario urbano, beiravías sen limpar, invasión de herba da pampa, valados metálicos caídos, sen pintar e oxidados, varandas de seguridade en beirarrúas completamente abandonadas. “A situación é dun absoluto desprezo para a cidadanía”, engade o concelleiro.

O BNG pide que se actúe de xeito urxente na contorna. “Non hai desculpas, nin pode retrasarse máis o mantemento deste mobiliario”, reclama Couto. Nesta liña desde o grupo municipal do BNG tamén piden aclaracións sobre a situación das obras das Eiras. “É un escándalo que desde que se aprobou en 2017, a obra estea nunha situación de total abandono e a zona tan degradada e sucia coma antes de facelas. Está claro que non se fixo nada do que prometeron á veciñanza e o lugar está moi lonxe de ser un espazo de calidade”, explica o portavoz do BNG.

Finalmente, o BNG solicita tamén que se actúe de inmediato nas obras abandonadas e sen rematar en fronte ao centro médico e noutros puntos de Meicende. Xa son moitas as queixas do BNG así como de veciñas e veciños pero o goberno local “non move un dedo”.